22 de xuño
A viaxe estivo programada para ver as pegadas da industrialización na ría de Ferrol. Comezamos a visita guiada ás 10.30 horas no Museo da Construción Naval atendidos por unha guía do establecemento que nos fixo un percorrido pola planta baixa das instalacións, onde se atopaban as antigas fraguas ou ferrarías. Ante unha maqueta na que se representa o territorio da ría foi facendo historia do proceso de industrialización que se inicio no século XVI no barrio de Esteiro e que continuo no XVIII co barrio neoclásico da Magdalena. Para defender a entrada da ría dos ataques dos ingleses, Felipe II manda construir os baluartes ou castelos de A Palma, San Felipe e San Martiño.
Pasamos despois a explicación sobre maquetas das características dunha balsa e dun barco, a súa evolución histórica, dende os primeiros tempos, de madeira e a vela ata os modernos. A característica fundamental é que un barco ten que ser habitable, unha balsa non o é. Como os barcos se construían con madeira que se conseguía nos bosques da zona, para evitar a deforestación e ao mesmo tempo a produción desta materia prima había unhas normas para reforestar tendo que plantar tres árbores por cada un que se cortaba. Un barco podía precisar de 1.500 árbores.
Día 22 de xuño, sábado
ás 8,30 horas
Viaxe pola ría de de Ferrol para ver pola mañá o Museo da Construción Naval, o Dique de mareas de Cardemil, os Estaleiros da Graña, os Muíños de Lestache e de Lembeye e a Real Fábrica de Cobrería e Textil de Xubia. Xantar no Pazo da Florida que foi unha fábrica de curtidos. Pola tarde visitas aos muíños e fábricas de papel do río Belelle e a fábrica de tecidos dos irmáns Veiga.
11 de xuño
Despois da presentación que fixo do conferenciante o profesor e socio Emilio Valadé del Río, Manuel Lara comezou a súa disertación dicindo que a industria non formou parte da Historia, e cando o fixo foi nun aspecto negativo, como a contaminación, o ruído, malas condicións laborais, etc. Nos seus mellores momentos as actividades industriais en Ferrol ocupaban a unhas 12.000 persoas, e por iso forman parte da historia, pois estes colectivos tiñan as súas actividades sociais e culturais. A industria en Ferrol iniciouse no século XV con pequenas actividades artesanais, protoindustriais, como era a salga. Fernando de Andrade o Bo, favoreceu a actividade comercial dos venecianos que ían de paso a levar mercancías a Flandes e á volta arribaban ao porto de Ferrol e collían os excedentes da sardiña. Os xenoveses utilizaban o porto da Coruña.
Dixo que as armadas recalaban no Ferrol para facer a invernada antes de iniciar as expedicións o que deu lugar a que se construísen os chamados fornos de provisión para facer galletas e biscoitos para o consumo das tripulacións. Era tal a demanda que foi necesario construír as aceas do Belelle e os muíños do Freixeiro, comezando tamén o comercio do cereal.
Na primeira metade do século XVIII arredor da actividade manufactureira hai outras industrias como os curtidoiros, tecidos e ferrería, que non están concentradas senón dispersas polo medio rural. Hai tamén zonas que se dedican á olería que se establecían onde había o barro, aparecendo tamén os gremios.
Día 11 de xuño, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Manuel Lara Coira, profesor da Universidade de A Coruña e presidente da Asociación Galega do Patrimonio Industrial (Buxa), sobre a "Historia industrial da ría de Ferrol".
24 de maio
O conferenciante analizou a industria dos curtumes no marco territorial da provincia de Lugo e no temporal da Idade Contemporánea. Para iso dividiu a intervención en tres grandes eixes: comezou facendo unha introdución, pasando despois ao estudo da historia da industria dos curtidos lugueses e a analizou o seu patrimonio industrial.
Na introdución, relatou brevemente os principais aspectos da historia deste sector industrial en Galicia, que coincide plenamente co acontecido na provincia de Lugo. As fábricas de curtumes constituíron durante o século XIX, a carón das que elaboraban sardiña salgada, a única especialización non agraria da economía galega. Chegaron a representar máis da cuarta parte da produción española do sector e tiveron un amplísimo esparexemento polo territorio, de xeito que un de cada catro concellos contou como mínimo con algún curtidoiro e case que todas as comarcas tiveron establecementos desta caste.
Día 24 de maio, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Claudio Otero Eiriz sobre "A industria do curtido na provincia de Lugo".
De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 22 de xuño á ría de Ferrol.
Día 24 de maio, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 22 de xuño á ría de Ferrol.
Do 16 ao 19 de maio
Día 16
Visita á tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz
Dentro do ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial fixemos unha viaxe á zona de Aveiro (Portugal) para ver exemplos deste tipo de patrimonio, posto en valor por institucións públicas e particulares. A viaxe comezou o día 16 de maio e rematou 19.
Saímos de Lugo ás 7 horas e ás 11 visitamos a tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz. Esta localidade tivo unha gran tradición na elaboración de toneis, barricas e pipas, denominación que levan segundo a súa capacidade, para o trasporte do viño producido na ribeira do Douro con destino ás adegas de Porto.
É unha empresa familiar rexida polos netos do fundador Joaquim Dias Ferreira que era tanoeiro nas adegas do viño de Porto en Vilanova de Gaia. En 1968 decidiu volver para Esmoriz instalando un taller cos seus antigos compañeiros de traballo para facer barrís destinados ao exército portugués para levar viño aos soldados que estaban na guerra de Angola. A independencia das colonias e o emprego de materiais como o aceiro fixo que descendera a demanda, pero apareceron novos demandantes dos bocois. A empresa pasou ao fillo do fundador e aos xenros que mecanizaron algún dos procesos de elaboración.
Día 21 de maio, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Adolfo de Abel Vilela sobre "Antonio Fraguas Fraguas. Lugo a etapa da liberdade".
Días 16, 17, 18, 19 de maio
Viaxe a Aveiro (Portugal).
Saída ás 7 horas.
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.